O traballo de Luisa Cuesta titulado La emigración gallega a América, publicado en 1932, aborda os vínculos históricos que Galicia mantivo con América a través dos transvasamentos poboacionais. Baseado na investigación de numerosas fontes primarias e secundarias, respecto da etapa colonial, ademais das mobilidades humanas relacionadas coas viaxes de exploración e co paso a Indias de certos relixiosos e intelectuais galegos, presta particular atención aos plans de poboamento organizados no século XVIII pola Coroa. A obra de Cuesta foi unha referencia inescusable para todos os interesados no estudo da relación Galicia-América.