Desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo somos conscientes da necesidade de visibilizar e fomentar o traballo das mulleres no eido da ciencia para camiñar cara a un mundo máis xusto e igualitario.
O catálogo Quero ser investigadora 3 é un volume ilustrado a modo de conto que persegue amosar o traballo das investigadoras e proporcionar referentes actuais en ciencia, sobre todo entre as nenas e mozas. Esta publicación recolle as historias de dez docentes da institución viguesa, que contan en primeira persoa a súa traxectoria no eido da investigación. Cada unha delas relata, dende diferentes campos do saber, como foi o camiño que as levou a elixir a ciencia como profesión.
Nesta páxina poderedes acceder á versión dixital do catálogo Quero ser investigadora 3, que se acompaña dunha guía didáctica dispoñible para a súa descarga. Trátase dunha proposta de actividades coa que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación pretende axudar ao persoal docente que desexe integrar o catálogo nas súas clases.
Ademais, como novidade deste ano, introdúcense contidos gamificados coa ferramenta Genially para complementar as actividades. Esta aplicación achega un compoñente de animación e interactividade que consideramos fundamental para as novas xeracións. Gustaríanos que, na medida do posible, nos enviásedes fotos, vídeos etc., ao enderezo electrónico ucc@uvigo.gal (sen que teña que aparecer o propio alumnado) para poder recoller o traballo realizado con este material nas vosas aulas.
Agardamos que gocedes da lectura do manual e que tanto a guía didáctica como os xogos vos sirvan para afondar nas historias destas dez mulleres comprometidas coa investigación.
Esta publicación forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa de actividades 2022/2023 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo financiado pola FECYT.